Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Muxía suspende os actos relixiosos e festivos da Romaría da Virxe da Barca


O alcalde de Muxía, Iago Toba, tomou esta decisión en coordinación coa Igrexa e a Comisión de Festas.
O Concello de Muxía comunicou hoxe que se suspenden todos os actos relixiosos e festivos da Romaría da Virxe da Barca. Así, non se celebrará o novenario nin os catro días da Barca (venres, sábado, domingo e luns) e tampouco se permitirá baixo ningún concepto a organización de eventos festivos paralelos.
O alcalde de Muxía, Iago Toba, aposta así por tomar medidas máis restritivas para conter a expansión do virus e velar pola seguridade dos veciños e veciñas do municipio. Esta decisión tomouse en coordinación coa Igrexa e a Comisión de Festas en vista da evolución da situación epidemiolóxica e seguindo as recomendacións emitidas polas autoridades sanitarias.
Aumentaranse os controis, tanto por parte da Policía Local como da Garda Civil, para vixiar que se respectan estas restricións e aplicaranse as sancións pertinentes para os que non o fagan. “Estamos nun momento moi delicado no que se refire á evolución da pandemia e non podemos permitirnos dar pasos cara atrás xa que isto tería consecuencias moi negativas para o pobo”, destacou Iago Toba.
“Estas medidas máis restritivas van en consonancia co acordo adoptado durante a reunión co sector da hostalaría para facer de Muxía un destino seguro e manter as boas cifras de visitantes de cara ao remate da temporada de verán”, rematou Toba.